"A miña avoa", un xogo para dinamizar o consumo no comercio e na hostalería do Porriño
Máis de cen establecementos participarán nesta iniciativa municipal

Presentación do evento. / Concello de O Porriño

Vigo
Cento vinte e seis establecementos, unha cifra que aínda pode medrar un pouco máis, entre locais de hostalería e comercio de proximidade participarán na iniciativa “A Miña Avoa”, un xogo para dinamizar o consumo no Porriño.
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza este certame que promove o Concello do Porriño, a través da Concellería de Festexos e co apoio da Concellería de Comercio. Este proxecto consiste na procura dun tesouro, que dá protagonismo á economía local, non só coa súa implicación, senón tamén, porque os premios reverten no consumo das propias empresas locais, “algo primordial nestes tempos de pandemia e crise que remontaremos co esforzo de todos”, manifestou a edil Cami Moreira.
O xogo consiste en localizar páxinas dun xornal vello polos establecementos da zona. Cada folla contén tres enigmas distintos. A través deles, a veciñanza ten que adiviñar onde se atopa o tesouro escondido. Poida que se xogue ao engano, pero só na primeira ollada, posto que non é imposible de acertar, segundo explicou Joaquín Rodríguez, da firma Especialistas Hípica Celta, produtora do evento.