Investigado un veciño de Carballo tras ser interceptado cando conducía un ciclomotor sen ter carné

Ciclomotor interceptado pola Garda Civil / Garda Civil

Carballo
O Destacamento de Tráfico da Garda Civil da Coruña investigou ao condutor dun patinete incluído na categoría de ciclomotor, un veciño do municipio de Carballo, como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria.
Segundo relatou o Instituto Armado, os feitos ocorreron cando unha patrulla que realizaba labores de prevención da seguridade viaria na estrada DP-1914 ao seu paso polo termo municipal de Carballo observou pola vía un patinete eléctrico que "polas súas características non se podía incluír nos vehículos de mobilidade persoal (VMP)".
Por iso, a Garda Civil procedeu á detención deste vehículo co fin de verificar "se as especificacións técnicas do mesmo correspondían a un VMP ou a un ciclomotor".
Tras realizar as comprobacións oportunas, os gardas civís constataron que o "patinete correspondía á categoría de ciclomotor", subliñou a Benemérita, polo que procederon a solicitar ao condutor o correspondente permiso de condución, do que carecía esta persoa "por non obtelo nunca", abundou.
Debido a iso, a Garda Civil procedeu á investigación do condutor como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, ao conducir un vehículo sen ter a correspondente autorización administrativa.
A Garda Civil lembra que na categoría de Vehículos de Movilidad Persoal "só están incluídos os patinetes monopraza propulsados exclusivamente por motor eléctrico" que, matiza, "alcancen unha velocidade máxima comprendida entre os 6 e o 25 km/ h e non dispoñan de sillín".