Política | Actualidad
Os Ancares

Un proxecto da Deputación de Lugo finalista dos premios Copa España Creativa

O proxecto consiste na posta en valor dos bosques de castiñeiros da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

Os Ancares nevados. Imaxe de David Pérez. © David Pérez (DPC), Wikimedia Commons, Licencia cc-by-sa-4.0 / David Perez, CC BY 3.0 (Wikimedia Commons)

Os Ancares nevados. Imaxe de David Pérez. © David Pérez (DPC), Wikimedia Commons, Licencia cc-by-sa-4.0

Lugo

O xurado dos premios Copa de España Creativa 2020, galardón que distingue os proxectos máis innovadores e creativos do país, elixiu á Deputación de Lugo como finalista polo seu proxecto de recuperación e posta en valor dos bosques de castiñeiros da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionada pola institución provincial.

O proxecto lucense foi seleccionado como un dos 20 finalistas da Copa Creativa 2020 de entre ducias de candidaturas de toda España en primeiro lugar na súa categoría, 'Creatividade e innovación social e territorial'.

Para o presidente da Deputación, José Tome, trátase de "un importante recoñecemento que recibe a nivel nacional o bo traballo" que se desenvolve na provincia "compaxinando a protección e o coidado do medio ambiente co desenvolvemento social e económico sostible do territorio para xerar riqueza e emprego, e para fixar poboación no rural".

O proxecto gañador será elixido no evento Fórum Orihuela 2020, que se celebrará entre o 20 e o 22 de maio, despois do seu aprazamento debido á crise sanitaria. Nese evento, a Deputación de Lugo, xunto co resto de finalistas, presentarán a súa iniciativa en público ante o xurado. Agora, cada finalista dispón de dous meses para elaborar un vídeo promocional que se lanzará nas redes sociais para o voto popular, que contará un 40% no voto final, mentres que o 60% do voto restante será do xurado de expertos.

O PROXECTO SELECCIONADO

O proxecto seleccionado ten como obxectivo a recuperación, conservación e aproveitamento económico sostible dos bosques de castiñeiros existentes na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

O traballo foi desenvolto en colaboración coa cooperativa ancaresa A Carqueixa, membro do órgano de participación da Reserva, e integra tres liñas de actuación: a elaboración dun mapa dos bosques de frondosas autóctonas que, segundo o labor desenvolvido representan o 28% da Reserva, con 15.000 hectáreas; a elaboración dun mapa de masas de castiñeiros que, con preto de 5.000 hectáreas, supoñen o 9% deste espazo natural e das cales 1.000 hectáreas están catalogadas como monte comunal de titularidade municipal; e a identificación da verdadeira propiedade dos montes comunais dos bosques de Vilor, en Navia de Suarna, e Vilaver, en Cervantes, para proporcionar a seguridade xurídica que posibilite a súa explotación e conservación.

A recuperación e posta en valor dos bosques e a modernización da produción supoñen unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras pero, ademais, favorece a ordenación do territorio e a prevención dos incendios forestais, á vez que contribúen á conservación de hábitats protexidos e ao mantemento da súa biodiversidade.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00