Nordés Hora 14Nordés Hora 14
Actualidad
A Laracha

A taxa de doazón de sangue atopa un dos seus mellores datos galegos na Laracha

A Laracha presenta grandes cifras na taxa de doazón de sangue / A Laracha

A Laracha presenta grandes cifras na taxa de doazón de sangue

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López, presentaron este xoves no Concello a campaña de verán de doazón de sangue que, como cada ano, contará co impulso e a colaboración municipal.

Segundo os datos achegados por ADOS, o Concello da Laracha é o municipio da comarca de Bergantiños que presenta unha maior taxa de doazón, con 51 por cada mil habitantes en 2019, superando tamén os índices de Galicia (41) e do conxunto estatal (36). Como dato global, no ano pasado realizáronse 583 doazóns nas unidades móbiles desprazadas ao termo municipal da Laracha, cun incremento do 8,2% con respecto ao curso anterior.

A directora de ADOS salientou que vinte e cinco das persoas que acudiron a doar na Laracha o fixeron por primeira vez e que setenta e catro das doazóns foron realizadas na unidade móbil que acudiu á planta de Inditex no parque empresarial, polo que mostrou o seu agradecemento á empresa e aos seus traballadores. Ademais, avanzou que os datos do primeiro semestre deste ano reflicten un incremento nas doazóns con respecto a 2019, o que mostra que a solidariedade da veciñanza da Laracha se mantivo durante o estado de alarma. Nese sentido, afirmou que mentres durou o confinamento foron en total 24.000 galegos os que acudiron a doar sangue, posibilitando que puidese continuar a actividade e realizarse as cirurxías de urxencia nos hospitais.

Marisa López recalcou que o procedemento de doazón nas unidades móbiles é plenamente seguro grazas ao protocolo de actuación establecido por ADOS. Tamén cualificou de excelente o novo sistema de cita previa, que permitiu realizar unha boa xestión nun momento tan delicado como o vivido no segundo trimestre do ano. Non obstante, lembrou que se algunha persoa desexa doar sen cita previa, tamén será atendida e poderá facelo agardando a súa quenda.

Pensando xa na campaña de verán, pediu a colaboración cidadá nunha época que sempre é complicada porque se atenden un maior número de urxencias derivadas, entre outras circunstancias, do incremento dos desprazamentos polas estradas e, neste ano, do progresivo regreso á actividade dos traballadores das empresas afectadas pola crise da Covid-19. Tamén apuntou que os grupos sanguíneos que presentan un menor volume de reservas son o A+ e o B+.

Pola súa parte, José Manuel López Varela agradeceu a solidariedade da veciñanza da Laracha e, un ano máis, mostrou a plena disposición do Concello a colaborar con ADOS en todas as campañas que leven a cabo para promover as doazóns.

Tanto o alcalde como a directora de ADOS fixeron un chamamento á poboación larachesa para participar na campaña de doazón de verán acudindo ás unidades móbiles que se situarán nos próximos días nos seguintes lugares:

  • · Caión (Praza Eduardo Vila Fano): Xoves 16 de xullo de 16:00 a 18:30 horas.
  • · Paiosaco (Campo da feira): Xoves 16 de xullo de 19:00 a 21:00 horas.
  • · A Laracha (Praza do Concello): luns 20 de xullo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas).

Nos tres casos pódese reservar cita previa na hora máis conveniente chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00