Aumenta a demanda de vivenda na Costa da Morte
A crise sanitaria provoca un aumento na demanda de vivendas na bisbarra

César Blanco volve a poboación rural
00:40
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A crise sanitaria provocada pola COVID-19 acelerou o desexo de ter unha vivenda no rural entre moitos dos confinados en zonas urbanas. En moitos pisos das cidades soñábase con xardíns onde poder aliviar a anguria do peche. Se a iso se lle une a menor incidencia do virus nos espazos rurais, o cóctel provocou o desexo de mudar de vida en moitos cidadáns.
Son varios os portais de internet que detectaron aumentos entre o 36 e o 46% na demanda de vivendas no rural. A Costa da Morte non está sendo allea a ese éxodo e nos últimos días, algunhas inmobiliarias constataron un aumento na demanda na bisbarra. Así o asegura César Blanco, da carballesa Blancocasa, que nestes días rexistra unha gran actividade debido aos que "buscan segunda vivenda en zona rural. Estábase despoboando e hai xente que agora quere vir vivir ao rural e afastarse das cidades e o stress". Entre a súa clientela atopa "xente que valora máis o espazo, ter campo, un sitio onde sair e respirar". O desexo de mudar de vivenda non está só entre os que peinan o mercado na busca dunha casa. Tamén os que viven en pisos están á procura de vivendas con máis luz. "Notamos moito o aumento da demanda de xente que vivía en pisos de aluguer e agora piden casas ou pisos con terrazas". A dinámica dos últimos días ten provocado incluso vendas inusuais como a efectuada hai un días a un veciño de Madrid. "Está próximo a xubilarse e comprou unha propiedade sen visitala. Estaba tan asqueado do confinamento que aceptou sen vela".
Pero non só en Carballo detectan o cambio de dinámica. Na inmobiliaria fisterrá Galicia Nova Casa, Leticia Romero tamén debuxa un perfil de clientes que arela na compra dunha "casa cun pouquiño de finca. Proceden tanto de cidades galegas coma doutros puntos coma Madrid". Na vila do Cristo están a traballar con potenciales compradores que, en moitos casos, son "persoas que se xubilan e quere quedar a vivir aqui. Son xente que xa veraneou aquí, coñece a zona e agora queren quedar". Na súa procura sinalan como obxectivo "a zona de Fisterra, polo mar e porque turísticamente está abrindo bastante".
En tódolos casos, dous son os factores que inclinan a balanza: existencia de casa, horta ou similar e o servizo de internet. A posibilidade do teletraballo ou o simple ocio fai que a conexión á rede sexa "unha das primeiras preguntas. Preguntan se hai fibra", asegura Leticia Romero. Un desexo común entre novos residentes, antiguos veciños, empresarios, asalariados e veciñanza en xeral que está a a ver como a Costa da Morte corre o risco de quedar atrás tamén nas autoestradas das telecomunicacións.