A morte dunha fisterrá eleva a dez as vítimas do coronavirus
Nesta fin de semana rexistráronse tres falecementos na comarca
Coa morte nesta pasada madrugada dunha veciña de Fisterra xa son dez as mortes producidas polo COVD-19. Nesta fin de semana rexistráronse tres falecementos de doentes ingresados tanto no CHUAC, dous deles, coma no Hospital Comarcal.
A última delas é unha veciña de Fisterra, nonaxenaria, que chegara ao centro hospitalario de Cee nun delicado estado de saúde logo de abandoar a residencia de maiores fisterrá. Ao seu pasamento hai que engadir tamén as mortes dun varón de 72 anos de Cabana e a dunha muller, nonaxenaria, natural de Corme. Deste xeito a Costa da Morte suma dez falecidos dende que se iniciou a pandemia do coronavirus a nivel mundial.
Esas tres mortes son a cara negativa duns rexistros que, a nivel comarcal, siguen falando dunha incidencia "razoable" na nosa bisbarra. O Hospital Comarcal segue a estar lonxe da saturación. Logo de chegar a ter más de dez pacientes ingresados, na fin de semana rebaixou esa cifra a cinco. Hoxe luns son catro os doentes que ocupan cama no Virxe da Xunqueira, a cifra máis baixa dende o 20 de marzo. Ademais, durante os últimos días non houbo que realizar ningún traslado á UCI do CHUAC, viaxes precisas para tratar a aqueles pacientes en situación máis delicada. Son xa sete os días nos que non se necesitou evacuar a ningún afectado.