O Goberno propón destinar o superávit á mellora de servizos nas parroquias

Concello de Carballo

Unha das propostas que presentará o goberno municipal no pleno ordinario que se celebra hoxe é a modificación orzamentaria precisa para investir os 1,3 millóns de euros do superávit resultante da liquidación do presuposto do ano 2018.
O executivo que preside Evencio Ferrero defenderá que esa cantidade se destine de maneira íntegra á mellora dos servizos públicos nas parroquias, atendendo, ademais, peticións emanadas dos consellos parroquiais.
A proposta concreta conlevará o investimento municipal dese superavit en varios proxectos:
Máis de 478.000 € para traballos de mellora da capa de rodadura da vía de Xamozo (Artes) a Santa María (Ardaña) e da vía de Paradela a Prearada (Sofán).
Máis de 315.000 € para varias obras de conservación de pavimentos en lugares de Rus, Artes e Oza.
E, por último, máis de 523.000 € na mellora das redes de saneamento dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus) e en varios lugares da parroquia de Artes (Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar).