...inventei refráns
A Coruña
Hoxe quero falarlles desa fonte de sabedoría popular, o Luar? non, Os ditos e refráns. Aquí uns exemplos: "Quen calar non sabe, falar non debe", "A conciencia vai coa conveniencia", "Mexan por nós e temos que dicir que chove" que dicía Castelao ou, "e logo ti mañá non traballas, Gayoso?".
Pero temos algúns ditos que un se queda un pouco igual: "A vaca que non come cando os bois, ou comeu antes ou come despois". Claro, e que é unha cuestión espazo-temporal, se non come canda eles, ou o fixo antes, ou despois ou é a vaca de Shrodinger. Este é desa categoría de que con tal de rimar... e se non, "Ao feito, peito"
Nalgún caso están un pouco desactualizados e hai que pegarlles unha volta. Por exemplo o de "Amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale" agora podería ser "Amiguiños si, pero paga o que me debes do Netflix".
Hai outros que agora cobran outro sentido: "Xente nova, leña verde, todo é fume", que agora a xente nova anda co dos vapeadores e si, moito fume.
E directamente hai veces que non teñen sentido así que tráiovos as versións lóxicas de refráns que non teñen sentido por exemplo "Burro grande, ande ou non ande". Que é iso? "Burro Grande, cortello amplo", "A todo porquiño lle chega a hora de lavarse", "A cabalo dado, pide tique", "Na casa do ferreiro, non vaias con imáns", "O que non chora, ten problemas cas glándulas lacrimais" ou "Un home é un home, un gato é un bicho, e unha muller estará até as narices deste refrán".
En fin, como di o dito "Marcho, que teño que marchar".