O Concello ofrece 420 prazas nas Actividades de Verán nos Centros Cívicos
O obxetivo e fomentar a conciliación do alumnado de Infantil e Primaria

Centro Cívico Colón / Google Maps

Ourense
O vindeiro 5 de xuño, o Concello de Ourense abrirá o período de inscrición nas Actividades de Verán 2019 organizadas pola Concellería de Asuntos Sociais nos Centros Cívicos nos meses de xullo e agosto, e que ofrecerán un total de 420 prazas para nenas e nenos que cursaron Infantil ou Primaria no curso 2018-2019. O obxectivo básico desta actividade é que a rapazada se divirta e aprenda convivindo con outros nenos e outras nenas.
Este verán, fomentarase a participación da cativada en actividades socio educativas, lúdicas e culturais que promovan a educación en igualdade, a través do xogo.
Ademais, as actividades pretenden que as familias concilien a súa vida laboral e familiar durante as vacacións, grazas a un horario de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas. A admisión nas quincenas será por orde de entrada e orde de preferencia.
Conciliación familiar e laboral para a última semana de xuño
Para facilitar a conciliación familiar e laboral na última semana de xuño, a Concellería de Asuntos Sociais cambia o horario das actividades semanais dos Centros Cívicos nos últimos días de xuño. Así, as actividades que normalmente son entre as 17:30 e as 20:00 horas, cambian o seu horario á mañá, entre as 09:00 e as 14:00 horas, durante os días 24, 25, 26, 27 e 28 de xuño con motivo do remate do Curso Escolar.
As nenas e os nenos que xa se anotaran nas Actividades durante o curso poden asistir sen necesidade de ter que inscribirse. As inscricións poden realizarse a través da páxina www.ssociaiscursos.com.