Mobilización en Vigo polas Letras Galegas
Queremos Galego convoca unha manifestación que sairá do cruzamento de Vía Norte con Urzaiz ás 12 horas do venres 17 de maio
Vigo
O Día das Letras Galegas será unha xornada de reivindicación tamén en Vigo cunha marcha para esixir “liberdade, igualdade e xustiza para o galego” co lema “máis que nunca queremos galego” e que sairá ás doce do mediodía de Vía Norte con Urzaiz.
Esta marcha está convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego composta por máis de 700 entidades que queren apuntar que “ o 22,7% dos nenos de 4 a 15 anos non saben falar galego; porque existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade; porque o goberno galego non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación; e porque hai unha nova ofensiva xudicial e política contra o galego como a recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo". Así o explicaba nos micrófonos de Radio Vigo a vicepresidenta da Mesa pola Normalización e coordinadora en Vigo Elsa Quintas.
Cúmprense además dez anos da manifestación que congregou a 100.000 persoas tras a súa pancarta. Foi no 2009 en Compostela e foi a maior movilización a favor dunha lingua en Europa.