O Concello fomentará a igualdade e a diversidade entre a mocidade
Será coa posta en marcha dun novo programa, "Cuestión de respecto", que se desenvolverá en seis centros educativos
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/FSUVI7FZZNKCXOLEO4XYNTH5LY.jpg?auth=8743e224ba1fdd7feb49666f0487e46b2275e4b03eb2b15b5206924733e34a26&quality=70&width=650&height=365&smart=true)
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a concelleira de Igualdade, Sofía Godoy, e Raquel Crespo, responsable de APES, Asociación para a Prevención e a Educación Social, presentaron esta nova iniciativa / Concello de Ourense
![O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a concelleira de Igualdade, Sofía Godoy, e Raquel Crespo, responsable de APES, Asociación para a Prevención e a Educación Social, presentaron esta nova iniciativa](https://cadenaser.com/resizer/v2/FSUVI7FZZNKCXOLEO4XYNTH5LY.jpg?auth=8743e224ba1fdd7feb49666f0487e46b2275e4b03eb2b15b5206924733e34a26)
Ourense
O Concello de Ourense pon en marcha un novo programa para fomentar a igualdade e a diversidade, “Cuestión de respecto”, que se desenvolverá en seis centros educativos de Educación Secundaria e formación profesional da cidade. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a concelleira de Igualdade, Sofía Godoy, e Raquel Crespo, responsable de APES, Asociación para a Prevención e a Educación Social, presentaron esta nova iniciativa, que ten como finalidade sensibilizar en materia de igualdade e chegar a detectar ou/e previr situación de abuso e maltrato nos centros educativos.
Desenvolveranse nos centros actividades de análise e de reflexión en materia de diversidade para dotar a mozos e mozas participantes de ferramentas para previr situacións de odio e violencia. Cos coñecementos adquiridos nesta materia, o alumnado preparará unha acción social que terá como obxectivo concienciar á cidadanía ourensá.
Está previsto chegar a 250 alumnos e alumnas da cidade dos centros educativos Luís Vives e Cardenal Cisneros, os IES Otero Pedraio e Blanco Amor, e os CIFP Portovello e A Farixa. Para levar a cabo esta iniciativa, o Concello conta coa experiencia de APES na xestión de proxectos socioeducativos.
A metodoloxía utilizada céntrase en poñer en valor ao alumnado, convertendo a cada participante en axentes activos e de cambio social, fomentando o compromiso e responsabilidade coa súa contorna e as problemáticas sociais da comunidade. “Cuestión de respecto” nace ao amparo do terceiro Plan de equidade de xénero do Concello de Ourense.