Oito anos e medio de prisión para o apoderado dunha entidade bancaria
Fiscalía reclama oito anos e medio de prisión para o apoderado dunha entidade bancaria do Barco de Valdeorras (Ourense).

Fiscalía reclama oito anos e medio de prisión para o apoderado dunha entidade bancaria do Barco de Valdeorras (Ourense). / Radio Ourense- Cadena Ser

Ourense
Fiscalía reclama oito anos e medio de prisión para o apoderado dunha entidade bancaria do Barco de Valdeorras (Ourense), acusado de apropiación indebida, estafa e falsidade, por realizar operacións fraudulentas no seu propio beneficio e apropiarse de 474.171,53 euros.
Os feitos tiveron lugar entre xaneiro de 2008 e febreiro de 2010, cando segundo o escrito de Fiscalía o home realizou "multitude de operacións fraudulentas" co fin de enriquecerse a través de solicitudes de efectivo a outras entidades de crédito ou retirando diñeiro das contas correntes dos seus clientes sen o consentimento destes.
O escrito de acusación considera que o home, que entrou a traballar no banco en 2006 e que foi nomeado apoderado dez meses despois, aproveitouse da falta de persoal da oficina e do seu coñecemento do funcionamento interno do banco para subtraer diñeiro e enriquecerse.
A maior parte do diñeiro, 379.062,15 euros, subtraeuno a través de solicitudes de efectivo a outros bancos. Segundo a acusación o home cumprimentaría os formularios, total ou parcialmente, para pedir efectivo a outras oficinas do Barco, pero no canto de integralo no banco quedáballo no seu poder.
Por esta feitos fiscalía reclama cinco anos e nove meses de prisión; así como unha multa de once meses cunha cota diaria de 10 euros e a responsabilidade en caso de falta de pagamento, por considerar os feitos constitutivos dun delito continuado de apropiación indebida.
Tamén reclama unha pena de dous anos e nove meses de prisión, multa de once meses cunha cota diaria de dez euros e responsabilidade en caso de falta de pagamento por un delito continuado de estafa e falsidade en documento mercantil pola retirada de efectivo das contas correntes dos clientes sen o seu consentimento.
Neste caso o acusado simularía as firmas dos clientes e mesmo achegaría fotocopias do DNI dos clientes co obxectivo de dar aparencia de autenticidade ás operacións.
En concepto de responsabilidade civil o acusado deberá indemnizar á súa antiga empresa coa cantidade de 448.064,12 euros polos prexuízos causados. O xuízo terá lugar na Audiencia Provincial de Ourense os días 24 e 25 de xaneiro.