Sociedad | Actualidad
O blog de Henrique Rabuñal

As naves do Metrosidero como oportunidade

A Coruña

Lonxe de extremismos que dunha parte constitúen un desprezo polo movemento okupa e doutra un desdén ao que significa política, humana e xuridicamente o goberno municipal, creo que hai que entender o Proxecto das Naves do Metrosidero como unha nova oportunidade. Para que?, preguntará alguén. Pois para dotar á cidade de equipamentos e para aproveitar un investimento externo ao que A Coruña non debe renunciar.

Polo que levamos visto, o goberno municipal procura o diálogo e busca a colaboración e o entendemento con interlocutores moi diversos. Tamén propón facelo co CSO A Insumisa e con quen pretenda facer achegas para que o espazo da Comandancia de Obras deveña nun equipamento para a mocidade cuxo funcionamento e xestión están abertos á autoxestión e sempre ao debate e á discusión.

O que se xoga a cidadanía coruñesa é a posibilidade de incorporar ao patrimonio municipal un espazo reformado con recursos da administración estatal. Nunha parcela de 5000 m2 trátase de dispor de tres naves dedicadas ao deporte urbano, á formación e a actividades. E logo pór ao servizo da mocidade un equipamento onde caben as actividades máis diversas tamén na liña das desenvolvidas polo CSO A Insumisa, un colectivo que demostrou a súa capacidade de aproveitar un espazo abandonado durante moito tempo.

Non cremos que beneficie a ninguén promover un enfrontamento entre os usuarios actuais do espazo e o goberno municipal pero este, o goberno, non pode fuxir da súa primeira responsabilidade. Defender o interese común, agrandar os servizos e equipamentos municipais e buscar unha solución duradeira no tempo e segura xuridicamente. Se hai un grupo de goberno disposto a conectar coa mocidade actual e que se brinde a un diálogo rigoroso e respectuoso, ese grupo é, na nosa opinión, o que preside Xulio Ferreiro.

En moitos lugares do estado e en Europa abriuse camiño a posibilidade de as cidades contaren con espazos públicos de titularidade municipal e con xestión comunitaria ou municipal e comunitaria. Espazos onde é posíbel a horizontalidade, o dereito á cultura e a participación cidadá. Polo que sabemos eses valores están moi presentes na biografía colectiva dos membros do goberno: Mil Lúas, Atreu, a Casa das Atochas, A Casa Tomada ou a Nave 1839 por non falarmos da UfaFabrik.

A Coruña debe buscar o seu modelo construído a pé de rúa, á calor da nosa realidade. O CSO A Insumisa perde moitos puntos cando recorre a unha linguaxe violenta, a insultos e descualificacións radicais das persoas que gobernan a cidade e dos seus votantes, imputándolles mesmo futuríbeis delitos que atentan gravemente contra a súa dignidade. Aínda así moita xente simpatiza coa filosofía da Insumisa no que ten a ver co traballo colectivo, asembleario e non mercantilista sendo evidente que demostrou como rexenerar e revitalizar un espazo deteriorado e abandonado.

En democracia todo o mundo ten dereito a defender as súas ideas. E os gobernos, obrigados a decidir pensando no ben colectivo e duradeiro, están chamados a ter en conta todas as sensibilidades. Alguén dirá que é a cuadratura do círculo pero para nós o proxecto municipal é o que mellor asegura un espazo público ao servizo da cidadanía.

Se non apoiamos ao goberno municipal, se como cidade somos incapaces de construír un proxecto sumativo e de consenso perderemos todos e só gañarán aqueles que gozan cos fracasos da cidade, aqueles que xogan ao canto peor mellor, aqueles que non teñen nin a vontade de diálogo nin a sensibilidade cos devezos da xente moza. E moito menos coa filosofía e as conquistas do CSO A Insumisa.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00