Más deportes | Deportes
Burela Pescados Rubén

Sorte dispar para o Burela FS

O equipo masculino caeu por 7-1 na cancha do Inter Movistar

O equipo feminino gañou por 1-2 na pista do Rubi

SANDRA SANTIAGO

Lugo

O Movistar Inter estreou a competición ligueira no seu feudo cunha clara vitoria sobre o Pescados Rubén Burela FS (7-1) que competiu ante o actual campión pero non puido dar a sorpresa. O conxunto interista saltou á cancha con velocidade de cruceiro e cunha presión asfixiante que os burelistas non lograron contrarrestar o que propiciou un acoso á meta defendida por Álex.

  • FICHA TÉCNICA

Froito do seu bo xogo o Movistar Inter logrou unha renda de 2-0 nos primeiros minutos. Humberto abriu o marcador (1-0) tras asistencia de Ricardinho e pouco despois ambos xogadores intercambiaron os seus papeis sendo Ricardinho o autor do 2-0, minuto 4.

O Pescados Rubén viuse acurralado ante un Movistar con moita movilidade e que mostraba a súa mellor versión. O caudal ofensivo dos madrileños obrigou ao Daniel Ibañes a soliticitar un tempo morto para acougar e ordenar as ideas dos seus. Tivo certo efecto esta pausa aínda que Álex converteuse na boia que mantiña a flote ao seu equipo coas súas boas intervencións. No minuto 10 un despiste defensivo propiciou o 3-0 de Ricardinho tras un saque de banda interista.

O 3-0 provocou que o Pescados Rubén apostase polo xogo de cinco con Iago Rodríguez como protagonista. A arriscada decisión burelista xurdiu o efecto desexado xa que cambiou a dinámica do choque. Os pupilos de Daniel Ibañes interpretaron á perfección o xogo de cinco e na súa primeira oportunidade Iago Rodríguez recortou distancias ao marcar o 3-1.

O gol laranxa elevou a súa confianza e deu paso aos seus mellores minutos do partido. O dominio mariñao nesta faceta provocou dúbidas na defensa madrileña e o Pescados Rubén gozou de ocasións para acurtar distancias. Iago Míguez, Chano e Petry acariñaron o segundo tanto e Matamoros obrigou a Jesús Herrero a lucirse ao desviar o seu potente disparo que acabou repelendo o pau. O marcador non se moveu e ao descanso chegouse co 3-1.

A segunda parte comezou igual que o final da primeira, cunha gran intervención de Jesús Herrero que volveu evitar o segundo tanto laranxa. Tras este aviso o Movistar Inter espertou e David Pazos ampliou a renda local marcando o 4-1 que complicaba máis aínda a remontada galega.

Os locais retomaron o control do partido aínda que Bellvert tras combinar con Antoñito volveu atoparse coa figura de Jesús Herrero. Responderon os interistas cunha dobre ocasión de Lolo e Rivillos que Álex desbaratou pero na seguinte ofensiva Rivillos marcou o 5-1, minuto 29.

O Pescados Rubén volveu recorrer ao xogo de cinco que acougou a voracidade atacante interista aínda que Ricardinho completou o seu hat-trick co 6-1. Na recta final Jesús Herrero redondeou o seu partido marcando o definitivo 7-1 que sitúa ao Movistar Inter como líder da competición.

O feminino venceu ao Rubí

Triunfo do Pescados Rubén Burela feminino pola mínima (1-2) na súa visita á cancha do Sportiu Rubí FSF onde sufriu nos minutos finais máis pola incerteza do marcador que polo perigo xerado polas locais.

  • FICHA TÉCNICA

Empezou enchufado o conxunto dirixido por Iván Cao que no primeiro minuto abriu o marcador tras unha bonita xogada de estratexia á saída dun córner que Lara finalizou con acerto. O 0-1 foi un revés para a escuadra catalá que plantexou o encontro cunha defensa pechada e á espera dun erro burelista para intentar algún contragolpe. Ao pouco tempo chegou o segundo gol mariñao, esta vez con Cilene como protagonista ao culminar unha boa acción colectiva. Co 0-2 o Pescados Rubén tomouse un lixeiro respiro aínda que levou a iniciativa do xogo en todo momento.

A escuadra catalá apenas inquietaba a meta defendida por Jozi mentres que as burelistas acumulaban ocasións erradas para aumentar a súa renda. Ao descanso chegouse co 0-2 e na continuación tras un intercambio de golpes o Rubí recortou distancias por mediación de Domi que culminou unha xogada ao pivote do seu equipo. O 1-2 xerou certo desconcerto momentáneo nas filas laranxas que se contaxiou do ritmo lento proposto polo Rubí. As locais afianzáronse no seu guión para atopar o contragolpe que lle guiase ao empate.

O Pescados Rubén non lograba rematar ao seu rival malia as ocasións xeradas e o choque entrou no tramo final cun emocionante 1-2. O Rubí intentouno con máis ganas que acerto ante a ordenada defensa mariñá e o marcador permaneceu impasible (1-2) ata o pitido final.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00