Miguel Souto: “Os cabalos serán protagonistas pero tamén haberá cultura nas San Lucas”
Este sábado arrancan as festas das San Lucas co pregón de Susana Rodríguez Gacio, de pais mindonienses e Diploma Olímpico en Río 2016

Festas As San Lucas de Mondoñedo(Turismo de Galicia)

Lugo
As festas das San Lucas de Mondoñedo cumpren 860 anos de historia cun programa cheo de actividades do 15 ao 23 de outubro, no que os cabalos e a cultura serán os protagonistas. O inicio estará marcado polo pregón de Susana Rodríguez Gacio, de pais mindonienses e atleta con diploma olímpico en Río 2016, ás oito e media da tarde deste sábado.
O presidente da asociación As San Lucas, Miguel Souto, informou nunha entrevista concedida este sábado a Radio Lugo e emitida na Mesa de Redacción de Hora 14 que serán arredor de dous mil os cabalos que baixen desde os montes e pasen pola praza da Catedral.
Entrevista ao presidente da asociación As San Lucas de Mondoñedo, Miguel Souto, sobre o programa desta edición das festas (15/10/2016)
09:39
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Os gandeiros xuntanos cabalos que estiveron todo o ano pacendo en liberdade nos montes da comarca e lévanos á feira, pasando por Os Muíños, Rúa san Roque, Fonte Vella, Praza da Catedral, Auditorio Municipal e Campo da Feira.
En relación cos cabalos, Souto sinalou que este domingo a partir das once e media da mañá celebrarase o Concurso Morfolóxico, e o martes a partir das oito da mañá a gran feira tradicional de gando cabalar As San Lucas.
No eido cultural, destacou o concerto de Susana Seivane e Cristina Pato no interior da Catedral ás sete da tarde do domingo 16, cuxa entrada custará doce euros se se adquire de forma anticipada ou quince en taquilla.
O mércores dedicarase a tarde a recordar a Manuel María, o poeta de Outeiro de Rei que foi homenaxeado nas Letras Galegas de 2016. A partir das seis e cuarto da tarde actividade sobre o seu libro "Os soños na gaiola".