A rúa Concello abre hoxe ao tráfico ás 16:00 horas
Finalizadas as obras, o Concello asinará a acta de recepción durante a mañá e o tráfico restablecerase ás 16:00 horas

Estas obras, cofinanciadas pola Deputación de Ourense, supuxeron un investimento de 506.850 euros / Radio Ourense- Cadena Ser

Ourense
A rúa Concello abre hoxe, martes 6 de setembro, ao tráfico no seu sentido habitual, a partires das 16:00 horas.
Finalizadas as obras, o Concello de Ourense asinará a acta de recepción dos traballos durante a mañá e o tráfico restablecerase con toda normalidade a partires das 16:00 horas.
Este proxecto de urbanización foi adxudicado o pasado 31 de decembro de 2015 á UTE: Proyecón Galicia SA ''Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa, SL,'' por un importe de 506.850 euros. Saiu adiante grazas á cooperación da Deputación Provincial. De feito, ámbalas dúas administracións asumiron un acordo o 15 de outubro de 2015 que permitiu acometer conxuntamente as obras correspondentes á rehabilitación da pasarela peonil sobre o río Barbaña, o acondicionamento e renovación do firme na Praza Eiroás e rúa do Pazo, a rede de abastecemento de A Besada – Santa Mariña, a humanización da rúa Concello e a rehabilitación de firme e adecuación de accesibilidade da rúa Mercado.
Os traballos contemplados no ''Proxecto de urbanización da rúa Concello'' comezaron ás 09:00 horas do pasado 28 de marzo, momento no que se procedeu ao corte da rúa, que se mantivo durante os algo máis de cinco meses de execución da obra.
A empresa executou a obra nun prazo inferior ao inicialmente previsto. O prazo contractual cumpríase o 16 de setembro (6 meses desde a firma da acta de replanteo, que se realizou o 16 de marzo).