Nacho Lezkano será o adestrador do Breogán
O exadestrador do Palencia regresa así ao baloncesto español tra-lo seu periplo por Venezuela
Lugo
O técnico Ignacio Lezkano Moya (1972, Portugalete, Biscaia), máis coñecido como Nacho Lezkano, será o encargado de dirixir o Cafés Candelas Breogán na tempada 2016/2017 tras alcanzar un principio de acordo coa entidade celeste.
Lezkano conta cunha ampla experiencia tanto en competición nacional coma internacional, destacando a súa traxectoria á fronte do Palencia Baloncesto, equipo que medrou de xeito significativo coa súa dirección dende LEB Plata ata ser unhas das referencias en LEB Oro nas últimas campañas.
Lezkano regresará así á Liga LEB tras un paso por Venezuela onde dirixiu a Toros de Aragua (LBP).
Se todo avanza segundo o previsto, o novo técnico celeste será presentado nos vindeiros días e comezará a traballar de inmediato para dar forma ao equipo celeste de cara a nova tempada e contará, como foi confirmado xa, con Quique Fraga como adestrador asistente.