O Lugo deixa escapar dous puntos en Tarragona no último minuto
Os de Luis César tiraron dous goles de vantaxe na segunda metade.

Un lance do Nàstic - Lugo / La Liga

Tarragona
O CD Lugo entregou dous puntos en Tarragona (2-2), nun partido de clara cor visitante durante a primeira metade, tempo que finalizou cun 0-2 a favor dos lucenses. Os locais igualaron a un minuto para o final.
- FICHA TÉCNICA
Na primeira metade o Lugo borrou ao Nàstic do campo, que en ningún momento conseguiu atopar o seu xogo. Os lucenses aproveitaron dúas accións illadas para cobrar vantaxe. No minuto 21 Pedraza aproveitou unha perda dos locais para iniciar un contrataque que definiu o propio futbolista do cadro lucense cun disparo cruzado. Posteriormente, Joselu no 36 facía o 0-2 dende o punto de penalti, tras unha infracción inocente cometida por Xavi Molina.
Tra-lo descanso todo cambiou. Vicente Moreno deu entrada a Jean Luc e a Uche, por José Carlos e Rharsalla, para reforzar o ataque ante un Lugo que se sentía cómodo no encontro.
Pero no minuto 20 da segunda metade, Álex López era derribado tamén por Ignasi Miquel na área nunha acción tan dubidosa coma inxenua. Uche non perdoou dende os 11 metros.
O Nàstic envorcouse entón a polo empate. O premio para os cataláns chegou no minuto 89, cun remate de cabeza de Álex López no primeiro pau a centro de Valentín dende a dereita.