O 'Verán Participativo', unha iniciativa de lecer
Os diferentes obradoiros estarán repartidos entre os meses de xullo, agosto e setembro. É preciso pertencer a algunha das AVV inscritas no listado de asociacións do Concello de Ourense.
Ourense
O Concello de Ourense quere activar os meses de verán na nosa cidade coa iniciativa Verán Participativo, unha programación de tres meses de obradoiros "co obxectivo de ser unha alternativa máis ao lecer estival para os veciños de Ourense e que persegue relacionar os habitantes dos distintos barrios e pobos da cidade", segundo explica a concelleira de Participación Cidadá, Belén Iglesias. Este programa, que se leva a cabo por primeira vez, abre o seu prazo de inscrición hoxe luns, 20 de xuño -concellería de Participación Cidadá, na praza de San Martiño 2-baixo), e permanecerá aberto até cinco días antes do comezo de cada obradoiro.
Ioga e Zumba en familia, para o fomento da actividade física e hábitos saudables, elaboración de doces e decoración de cupcakes, cosmética natural, confección de velas e de xabóns artesanais, ou mesmo sevillanas e pandeireta son algúns dos obradoiros organizados para este fin.
No Verán Participativo poden inscribirse veciños inscritos en calquera das asociacións de veciños inscritas no rexistro do Concello de Ourense, a partir de 14 anos e sen límite de idade. Para a posta en marcha de calquera dos obradoiros será preciso un mínimo de 10 persoas anotadas.