A praza de abastos trasladarase a Alameda
Os praceiros emprazaranse no paseo central da Alameda cun orzamento de execución material de 504.200,97 euros
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/GYAV6PP6SZJYTOA7QJO2RJZULY.jpg?auth=ccd2ed2c6ada29fd2419ef3ccb0963ae161fd6da33bcdb365502e34021f6a1bd&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
Aprobado en Xunta de Goberno o proxecto básico e de execución para o traslado provisional da Praza de Abastos nº1 / Lazariparcero
![Aprobado en Xunta de Goberno o proxecto básico e de execución para o traslado provisional da Praza de Abastos nº1](https://cadenaser.com/resizer/v2/GYAV6PP6SZJYTOA7QJO2RJZULY.jpg?auth=ccd2ed2c6ada29fd2419ef3ccb0963ae161fd6da33bcdb365502e34021f6a1bd)
Ourense
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, en sesión extraordinaria e urxente, aprobou este luns o proxecto básico e de execución para o traslado provisional da Praza de Abastos nº1.
Os praceiros emprazaranse no paseo central da Alameda, cun proxecto redactado polos arquitectos Alfredo Freixedo Alemparte e Pedro Diéguez Iglesias, cun orzamento de execución material de 504.200,97 euros. Este proxecto conta con todos os informes técnicos, xurídicos e de seguridade pertinentes.
Trátase dun edificio provisional, facilmente desmontable e reversible, para o traslado provisional dos postos de venda da Praza de Abastos número 1 durante a execución das obras de reforma do mercado municipal, que durará 22 meses.
Será un pavillón de estrutura lixeira metálica, formado por pórticos de piares metálicos e dintel de celosía con perfís metálicos. A cuberta é curva con augas cara ambos lados da nave, con cubrición de paneis de chapa lacada.
Emprazarase no paseo central da Alameda, entre bordos de xardíns sen necesidade de desmontar os parterres actuais.
Haberá postos de venda nos laterais e centro da nave, con dous corredores de servizo para que o público acceda aos distintos postos. Na entrada desde a rúa Progreso, nun espazo interior cuberto emprazaranse os postos de flores e na parte oeste os locais de servizos, vestiarios e aseos, entre outras dependencias necesarias para o funcionamento da Praza.
Serán en total 1.402,28 metros cadrados de superficie construída e 1.221,92 de superficie útil. O prazo para a súa montaxe e instalación será de 6 meses (4 meses con mellora)
Esta estrutura será fácil de desmontar e reversible para que ao remate das obras da Praza, se poida realizar a total reposición do paseo da Alameda á situación actual.
Tanto durante a execución da obra, como durante o uso do proxecto autorizado, se manterán as cautelas de cargas e condicións de uso expresadas nos documentos técnicos. Así, a carga máxima de uso xeral será de 500kg/m2; a carga máxima de almacenamento será de 650 kg/m2; as cámaras frigoríficas e almacéns, cunha superficie de 3,10m2 terán un límite de 2.015 kg de almacenamento. Ademais, sobre o forzado no que se situará este mercado provisional autorizado non poderán circular nin estacionar vehículos, correspondéndolle o control do almacenamento aos praceiros.
Este proxecto é necesario logo de que o Ministerio de Fomento anunciase en xullo do pasado ano que a Praza de Abastos nº1 de Ourense será un dos cinco proxectos destinados á recuperación do patrimonio histórico de Galicia, con cargo ao 1,5% Cultural. O Ministerio de Fomento aportará o 65% do orzamento, ascendendo a achega ministerial a 3.652.767 euros, adicado á rehabilitación integral do edificio.