Detidos dous homes e investigados outros dous por roubos de gasoil na Costa da Morte
Aproveitaban que distintas empresas deixaban estacionada maquinaria pesada, con grandes depósitos de combustible, na vía pública pero con pouca visibilidade

GUARDIA CIVIL

A Garda Civil detivo dous veciños da Costa da Morte e investiga outros dous en relación cunha decena de roubos de gasoil en maquinaria, camións e tractores nos municipios de Camariñas, Muxía, Fisterra, Corcubión, e Carnota.
O equipo Roca da Garda Civil de Carballo, en colaboración con axentes de Corcubión e Muxía, así como Policía Local de Muxía, detiveron dous veciños e investigaron outros dous das localidades de Muxía e Fisterra como presuntos autores de varios delitos de roubos de gasoil.
A investigación abriuse por mor das denuncias interpostas por varios prexudicados nas dependencias oficiais da Garda Civil desde o pasado mes de novembro de 2021.
O 'modus operandi' consistía en fracturar as tapas do depósito de combustible de diversa maquinaria que estivese na vía pública para sustraer o gasoil que se atopaba no interior.
Aproveitaban que distintas empresas, que realizaban obras de gran calado, deixaban estacionada maquinaria pesada, con grandes depósitos de combustible, na vía pública pero con pouca visibilidade para cometer os roubos.
Tamén sustraían gasoil dos camións ou tractores de gran tamaño e chegaron mesmo a entrar no interior dunha nave para levar o combustible dun camión. Fracturaron o cadeado dunha leira para acceder ao interior e levar o gasoil dunhas máquinas escavadoras e entraron en empresas que tiñan maquinaria que realiza servizos públicos.
Os feitos ocorrían a altas horas da madrugada e supoñía unha grande pérdida económica para as empresas, particulares e entes públicos. A investigación continúa aberta e as dilixencias foron postas ao dispor do xulgado de Corcubión.