Mayara Estevam: “Pretendemos fomentar o avellentamento activo nas zonas rurais”
A educadora social da Asociación de Alzhéimer de Ourense está a desenvolver obradoiros de estimulación cognitiva en Sandiás

Desenvolvemento de estimulación cognitiva en Sandiás

Sandiás
A Asociación de Alzhéimer de Ourense (AFAOR) e a Concellería de Política Social e Participación Cidadá do Concello de Sandiás, ofrecen obradoiros de estimulación cognitiva destinados a persoas maiores con carácter gratuito, ao longo do ano 2022. AFAOR traballa na parte de prevención, pero tamén no eido das terapias perante a enfermidade, que é "unha grande das problemáticas do s.XXI porque afecta ao colectivo de persoas maiores que cada vez representan un número maior da poboación", segundo nos conta a educadora social Mayara Estevam.
O primeiro obradoiro comezou o xoves, 31 de marzo, na que participaron 16 persoas. Nesta primeira reunión participaron veciñas e veciños das aldeas de Piñeira de Arcos, Arcos, Vilariño das Poldras, Lavandeira, Santana, Novaiño, Sandiás, Xinzo, Couso de Limia e As Pegas. Paulatinamente, súmanse máis persoas interesadas en desenvolver actividades para promover a estimulación cognitiva. Estevam, quen desenvolve as devanditas actividades, afirma que "pretendemos fomentar o avellentamento activo nas zonas rurais".
As xuntanzas serán todos os xoves de 18:00 a 19:00 ao longo de todo o ano 2022 no lugar social do Concello de Sandiás. O transporte para quen o necesite é gratuito chamando ao teléfono 639 15 50 12.