A ourensá Herminia Domínguez ingresará na Real Academia Galega de Ciencias
A catedrática de Enxeñaría Química, desenvolve parte do seu traballo no Campus de Ourense

Hermina Domínguez tomará posesión como académica numeraria na Sección de Ciencias Técnicas da Real Academia Galega de Ciencias / Suso Rivas

Ourense
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá mércores, 16 de marzo, no Pazo de San Roque de Santiago ás 19:00 horas, o acto de ingreso da catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo (Uvigo) no Campus de Ourense, Herminia Domínguez González. Intégrase na institución como académica numeraria da Sección de Ciencias Técnicas. O seu discurso de ingreso, titulado “Biorrefinerías, multifactorías verdes”, será contestado en nome da Academia polo membro numerario da Sección de Ciencias Técnicas, o catedrático emérito de Ciencias dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da UVigo Pedro Merino Gómez.
Herminia Domínguez González (San Xoán de Río, 1965) é catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo (UVigo) no Campus de Ourense. Completou a súa formación pre e posdoutoramento no Consello de Investigación de Saskatchewan e na Universidade de Lund. Actualmente é coordinadora do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da UVigo.
Centra a súa actividade investigadora no deseño de procesos baseados en estratexias de intensificación, en especial con fluídos subcríticos e supercríticos, e na tecnoloxía de membranas para o fraccionamento de biomasa seguindo a filosofía das biorrefinerías e o residuo cero. Desenvolve novos produtos con ingredientes funcionais e biopolímeros obtidos a partires de recursos renovables infrautilizados ou considerados residuos. Foi investigadora principal en máis de 30 proxectos de investigación e contratos con empresas. Dirixiu 15 teses de doutoramento. Publicou máis de 250 artigos e 30 capítulos de libros internacionais, é coeditora de catro libros e coinventora de nove patentes. Recibiu o Premio A-IQS.