Pantalla xigante se o Breogán chega á final da Copa do Rei
A proxección nun espazo público permitiría reunir a afección celeste trinta anos despois
Maite Ferreiro, Efrén Castro, Maximus, Tray-Bell Haynes e Rubén arroxo posan diante da Deputación de Lugo, en San Marcos
Lugo
Que ninguén desperte a Lugo deste soño. O CB Breogán volve vibrar na Copa do Rei máis de trinta anos despois, e con él a cidade e as súas xentes. Esta revolución deportiva non pasa desapaercibida entre as institucións que xa preparan unha pantalla xigante para retrasmitir unha posible final lucense.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Tenencia da Alcaldía do Concello de Lugo instalarán unha enorma pantalla na que seguir a final da Copa do Rei de Baloncesto, no caso de que a dispute o CB Río Breogán.
Dende o BNG lucense destacan que "a proxección da retransmisión da final nun espazo público permitiría reunir a afección celeste e trasladar a toda a cidade o entusiasmo con que os seareiros e seareiras están a vivir a clasificación do equipo para a competición, na que participou por última vez en 1990".
Ante a posiblidade de que o equipo celeste alcance a final, a Tenencia de Alcaldía e a Vicepresidencia da Deputación traballan na xestión da loxística necesaria para a proxección, barallando diferentes ubicacións, en función da meteoroloxía, para a organización do evento co obxectivo de recrear o ambiente do Pazo de Deportes para un partido que sería histórico para o baloncesto galego.
O conxunto celeste, que se clasificou para o campionato por segunda vez na súa historia, terá como primeiro rival, en cuartos de final, ao Real Madrid (21.30 horas) e, de clasificarse, mediriase en semifinais ao equipo gañador do Joventut-Lenovo Tenerife o sábado 19 (18.30 horas). A final está prevista para o domingo 20, ás 18.30 horas.
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo