Unha hamburguesa de O Porriño aspira a ser a mellor de España
A icónica Hamburguesería Alhambra celebra o seu 40 aniversario presentando a súa proposta ao II Campionato de España de Hamburguesas “Best Burger Spain”

Hamburguesería Alhambra / Concello de O Porriño

Vigo
En Galicia presentaronse en total catorce establecementos e un deles é do Porriño. A icónica Hamburguesería Alhambra presenta a súa “Hamburguesa 40 Aniversario”, unha proposta de terneira madurada galega con leituga, cebola caramelizada, queixo D.O. de Arzúa e pan do Porriño, rematada coa súa salsa estrela: o chupitroco.
Foi o seu aniversario o que serviu de inspiración e os animou a presentarse ao concurso. “A hamburguesería abriuse no ano 1981”, explica o responsable do establecemento, Santiago Puertas, “O ano pasado cumprimos 40 anos, pero por mor da pandemia non puidemos celebralo. Presentarnos a este concurso pareceunos unha boa forma de iniciar as celebracións do aniversario”.
Desde que abrirá as súas portas da man do pai de Santiago, Juan Francisco Puertas, a hamburguesería Alhambra postulouse como todo un referente na hostalería porriñesa atraendo a moita xente dos municipios de arredor que veñen ao Porriño a disfrutar das súas hamburguesas. A oferta foi ampliándose e a día de hoxe a carta a compoñen tamén propostas veganas ou de polo, pero o producto estrela segue a ser a de sempre. “A receita é a tradicional, basada na calidade do produto”, apunta Santiago, “Esa é a clave do seu éxito”.
O alcalde, Alejandro Lorenzo achegouse hoxe a probar a “Hamburguesa 40 aniversario” e felicitar a Santi pola súa iniciativa. “É un local de referencia na vila que leva servidas máis de dous millóns de medio de hamburguesas, non hai quen non coñeza o Alhambra incluso fora do Porriño”, apuntou o rexedor, “Anímovos a todos a probar esta delicia e votar para axudar a que a do Porriño sexa recoñecida como o que é: a mellor hamburguesa”.
Será un xurado popular quen determine cal é o prato gañador tras valorar a calidade do pan, o queixo, a carne e o sabor e a presentación da proposta. Para participar hai que pedir unha da hamburguesa e recibirase unha tarxeta cun código. O seguinte paso é crear un perfil na web do concurso, acceder a `votar´ e calificar a hamburguesa que se probou. Ademais, por rexistrarse e ser xuíz desta edición entrarase nun sorteo de 1.000 euros.