Alcaldesa reúnese cos mozos e mozas de 'Axentes do Cambio' para consultar a súa opinión sobre diversos proxectos
Digna Rivas subliñou a importancia da participación do Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela como interlocutor

Reunion Axentes do Cambio / Concello de Redondela

Vigo
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros, reuníronse esta pasada semana cos mozos e mozas que forman parte do Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela 'Axentes do Cambio', aproveitando a reunión quincenal que este mantiña no Multiúsos de Chapela.A alcaldesa redondelá quixo coñecer, de primeira man, a opinión da mocidade sobre distintos proxectos que o Goberno local vai poñer en marcha.
Nese sentido, Digna Rivas subliñou a importancia deste órgano de representación da mocidade “como interlocutor á hora de valorar todos aqueles proxectos deste Goberno que afecten a mozos e mozas”.Entre os proxectos que a rexedora redondelá consultou cos mozos e mozas, está a remodelación do Campito e o deseño da pista de skate a carón da Senda Verde, ámbalas dúas actuacións en Chapela, así como a remodelación duns terreos municipais próximos á Igrexa de Cesantes, co fin de destinalos a espazo de ocio para a xuventude.
Cómpre salientar que, para fomentar a participación da mocidade e a infancia naquelas decisións e proxectos que lles afecten, a web do Concello disporá, próximamente, dunha canle para que toda a cidadanía, especialmente a menor de 18 anos, poida expresar a súa opinión sobre estes proxectos e contribúa a adecualos o mellor posible aos gustos e necesidades da poboación máis nova.Digna Rivas lembrou que un órgano de participación da mocidade e da xuventude “non pode ser un elemento decorativo e simbólico” senón que, “como é este, ten que ser un órgano activo e dinámico de participación, onde a infancia e a mocidade poidan expoñer as súas ideas e proxectos para que o Concello, posteriormente, os poña en marcha”.
A alcaldesa valorou “o compromiso e traballo” que estaba realizando 'Axentes do Cambio' á hora de “estudar os proxectos e de presentar achegas que os melloren”.O Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela púxose en marcha a comezos de 2021. Nun primeiro momento, debido á situación de pandemia, facía só xuntanzas en liña, pero xa foi a partir de xuño cando empezaron a reunirse de xeito presencial.
Nos seus encontros debaten e fan propostas arredor de temas de interese para a infancia e a mocidade, como o cambio climático, o coidado dos animais, a prevención do acoso e/ou o coidado da saúde mental. O seu obxectivo é traballar a prol da infancia e adolescencia redondelá, e adoptar un papel proactivo de cara a facer propostas á Corporación e como órgano para a rendición de contas.No pasado mes de xuño adoptaron o nome de Axentes do Cambio, co que se recoñecen a partir de entón.
Na rede social Instagram teñen perfil, co nome @axentesdocambio: https://www.instagram.com/axentesdocambio/O grupo está aberto á incorporación de calquera rapaz ou rapaza de entre 8 e 18 anos que resida en Redondela. Para calquera información podedes contactar no correo electrónico participacioninfantileadolescente@redondela.gal