AFAGA e Concello traballan para mellorar a atención ás persoas con Alzheimer e ás súas familias
A colaboración entre ambas entidades permitirá poñer en marcha varias iniciativas dirixidas á prevención, detección e atención da demencia nas persoas maiores
El alcalde con los responsables de AFAGA / Concello de O Porriño
Vigo
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Terceira Idade, Rosario Costas, mantiveron esta semana unha xuntanza coa a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) para coñecer as súas propostas e necesidades, así como para amosar o apoio do Concello do Porriño ao labor que desenvolven.
O presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, e os representantes municipais valoraron iniciativas para poñer en marcha no Porriño que ampliarían notablemente a atención que se presta aos enfermos e ás súas familias, que na actualidade se limita á que poden dispensar na Unidade de Atención Diurna Especializada que teñen no municipio. Este centro, que se rixe mediante convenio coa Xunta de Galicia, atende a 22 usuarios, todos eles persoas maiores con demencia tipo Alzheimer.
“Para poder loitar contra esta enfermidade e mellorar a calidade de vida dos que a padecen e das súas familias é moi necesaria a implicación de todos", apuntou o rexedor, "Estamos ademais nun momento complicado para as persoas con demencia, e en xeral para as persoas maiores, xa que as medidas de distanciamento social en moitos casos aceleraron o proceso de deterioro cognitivo e funcional, ademais de aumentar a sobrecarga que padecen as familias.
Por iso é máis necesario que nunca intervir e dende o Concello traballaremos da man con AFAGA para facelo" Concello e Afaga traballan xa na posta en marcha en varias iniciativas no municipio dirixidas por unha banda á prevención da demencia e promoción de hábitos saudables para o envellecemento activo, e por outra, a prestar atención ás persoas diagnosticadas e ás súas familias.
Tras a que foi a primeira xuntanza de traballo entre ambas entidades, os representantes municipais agradeceron visitaron aos usuarios e usarias do centro de atención, agradeceron ao persoal do mesmo o labor que desenvolven e animáronos a seguir traballando con entusiasmo. "Un entusiasmo que compartimos e que nos axudará a dar unha resposta máis ampla e eficaz ás persoas con demencia e ás súas familias", concluiu o rexedor.