O Concello considera prioritaria a mellora integral do CEIP Xosé Fernández López
O alcalde e a concelleira de Educación visitaron o centro escolar para valorar coa dirección as solucións oportunas ás carencias que presentan as instalacións

Concello O Porriño

Vigo
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, visitaron o CEIP Xosé Fernández López acompañados polo director do centro, Benito Rodríguez , quen transmitiu aos representantes municipais as principais necesidades do colexio.
“A comunidade educativa insiste dende hai anos na necesidade de executar unha mellora integral das instalacións e é unha intervención prioritaria xa que falamos dun edificio que se construíu hai máis de 45 anos e precisa ser acondicionado”, explicou o rexedor, “Urxe dar solución aos problemas cos que se atopan os nenos e nenas que cada día acuden a este centro e así o transmitiremos á consellería de Educación”.
Cabe destacar que no CEIP porriñés acometéronse varias melloras respondendo ás demandas do centro, tando dende o Concello como dende a administración autonómica, a última delas a reparación da cuberta do patio.
Tamén se instalou un ascensor, necesario para suprimir as barreiras arquitectónicas e garantizar a accesibilidade dos nenos e nenas, e cambiáronse as luminarias e as antigas fiestras de aluminio para aislar o centro.
“Realizáronse xa varias actuacións pero queda moito por facer. Precisa dunha intervención integral que permita que os nenos e nenas do casco urbano do Porriño acudan a clase en condicións”, concluíu o rexedor.
Unha das cuestións que se abordaron durante a visita foi a que é unha das grandes demandas da comunidade educativa do centro, a construcción dun comedor escolar. Neste sentido, os representantes municipais e o director valoraron varias opcións que permitan salvar os problemas de espacio que imposibilitan a posta en marcha deste servizo.
O rexedor reiterou o seu compromiso á dirección de trasmitir á Consellería de Educación a urxencia destas melloras, nun centro que conta con 400 alumnos e alumnas e un claustro de 35 profesores.